Evento "Mugardos 10: potencias"

Todos temos dentro de nós a un artista en potencia. Tan só debemos atopar a materia axeitada aos nosos gustos e dedicarlle tempo, paixón e paciencia. De seguro que ti que estás lendo estas liñas es bo nalgún deporte, manualidade ou actividade de calquera tipo. E é que todos somos bos en algo, unha mensaxe que os organizadores de Mugardos: 10 potencias queren transmitir a toda a cidadanía.

Mugardos: 10 potencias é unha iniciativa sociocultural que busca poñer en valor os talentos, ás veces agochados, da xente da vila. «Se tiras do fío, cada persoa é unha sorpresa. Somos veciños e non sabemos en que destaca o do lado», comenta Silvia Pérez, unha das organizadoras do evento. «Todos somos a punta do iceberg do que os demais ven. Xa sabiamos que había potencial e do que se trata agora é que o saiba todo o mundo», engade o outro organizador, César Pena.

[ César Pena e Silvia Pérez, presentando o proxecto en Radio Fene ]

Foto de RadioFusion.eu

César explica que coñecían a moita xente de Mugardos que «facía cousas interesantes e que destacaba» nalgunha materia. Así, comezaron a facer unha lista e «xa tiñamos 32 persoas cando paramos», sinala. «Vimos que había caldo de cultivo para propoñer a iniciativa á xente e para que os seus veciños saiban o que fan», apunta César.

Así, este sábado ás 20:00 horas, no auditorio da SAPG do Seixo, dez mugardeses exporán os seus proxectos, entre eles, estará presente a Asociación Comunidade O Zulo. Trátase de dez representantes de dez materias completamente diferentes, diversas e que non se repiten. Algúns son profesionais e outros son afeccionados. O único punto en común, o fío condutor, é Mugardos. Ben porque naceron na vila, traballan nela ou viven alí.

Dende a directiva da asociación gustarianos contar coa túa presenza no evento "Mugardos: 10 potencias".

Texto orixinal: Rebeca Collado [ Ver texto completo ]