III Noite Drupal & GNU/Linux en Ordes

É un pracer publicar a celebración do evento "III Noite Drupal & GNU/Linux" que se desenvolverá en Ordes o 9 de decembro de 2011. Dende a asociación queremos agradecer a Inestable, GALPon e Ociorum o seu interese en continuar organizando estas "noites".

 

Resumo da actividade

Data: 9  decembro de 2011 
Lugar: Casa da Cultura , Ordes. [ Como chegar ]
Horario: 22:30 a 05:30
Aforo: 30 participantes
Inscrición: É gratuíta e necesaria para participar no evento [ Inscribirse ]
 
Esta actividade consiste nun encontro-foro onde promocionar e compartir coñecementos e experiencias no ámbito de desenvolvementos web e sistemas abertos libres, a través de charlas, obradoiros e debates. Os participantes aos que vai dirixida deberán ter coñementos medios e avanzados coa finalidade de poder realizar aportacións, ainda que, por suposto, a porta está aberta a tódalas persoas que desexen asistir.
 
 
[ I Noite Drupal & GNU/Linux en Mugardos - Abril 2011]
 

Obxectivos

  • Crear un espazo dinámico de referencia de innovación, dinamización e intercambio de  coñecemento arredor da Comunidade de usuario Drupal e GNU/Linux
  • Fomentar o uso de tecnoloxías libres a abertas no desenvolvemento web.
  • Crear un colectivo ou "comunidade" intinerante de intercambio de coñecementos libres, ensinando e sobre todo aprendendo.

Formato do evento

Partindo dun formato aberto e dun caso práctico moi sinxelo, tentaremos entre todos darlle forma nas sete horas que durará o evento. Divideremos a noite en varias partes. Cada parte terá unha sesión introdutoria a modo de charla informal breve sobre un tema en concreto, dende a presentación das tecnoloxías a empregar ata os "hacks" e configuracións que aporten os asistentes.

[ Unha foto da Comunidade Drupaleira na II #noitedl en Vigo ]

Quero asistir! Quero aprender! Quero compartir! Quero ensinar!

Estamos convencid@s de que o coñecemento libre e compartido é unha peza fundamental para a o desenvolmento dunha sociedade libre e xusta. Asiste ó evento! Queremos ensinar! Queremos compartir! Queremos aprender! 

Cea

Estamos a argallar unha cea previa ao evento, nun sitio económico e familiar antes do evento. Publicaremos neste espazo os nicks dos asistentes así coma o lugar e hora da cea uns días antes da III Noite Drupal & GNU/Linux.

Difusión 

Unha vez se confirme o evento tódalas novas relacionadas publicaranse no twitter da Asociación (http://twitter.com/ozulo) e ocasionalmente no noso espazo en Facebook.

Usaremos o hashtag en twitter e identi.ca #noitedl